Wednesday, September 14, 2016

Xornada de Onomástica galega en Pontevedra

http://ilg.usc.es/agon/



A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra organizan este sábado 17 de setembro unha Xornada de Onomástica galega no Museo Provincial de Pontevedra. O tema central deste encontro é a microtoponimia e a urxencia da súa recollida e preservación. Nesta ligazón pódese consultar toda a información sobre o acto.






Read here


Unha xornada para promover o rescate urxente dos microtopónimos

Galicia ten a cuarta parte dos nomes de lugar de toda España e catro mil máis ca todo Portugal, pero a preservación do importante herdo que é a nosa toponimia require intensificar a recollida dos nomes das veigas, vales, regueiros, montes, penedos, camiños ou fontes, antes de que morran os informantes que aínda os gardan na memoria. Co propósito de promover a indispensable colaboración cidadá interxeracional para salvar este patrimonio inmaterial, a Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra celebrarán o vindeiro sábado 17 de setembro a Xornada de Onomástica Galega, na que se exporán experiencias de recollida desenvolvidas desde distintos ámbitos, desde o educativo ata as comunidades de montes. O encontro, de entrada libre ata completar aforo, desenvolverase no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra.

O público poderá ademais coñecer como funcionará a nova aplicación colaborativa, que se prepara desde a Xunta de Galicia, que permitirá que calquera persoa, a través de teléfonos con GPS, recolla e rexistre de maneira xeorreferenciada microtopónimos. "O que esta xornada busca é formar formadores que organicen grupos de xente que poñan no mapa todo o que saben, porque só a colaboración cidadá masiva, dos avós e dos netos, pode salvar este patrimonio", expresa o académico Xesús Ferro.

Ferro Ruibal salienta a singularidade da riqueza toponímica galega e explica o porqué: "O Nomenclátor de Galicia, que recolle os lugares habitados, consta de 37.308 rexistros, unha cuarta parte dos de toda España e uns 4.000 máis que os que suma Portugal. No caso dos microtopónimos, estimamos que os 500.000 que temos recollidos ata o momento son só un terzo dos existentes. Esta superabundancia de microtoponimia explícase porque Galicia foi historicamente un territorio moi vivido, aínda que agora se produza unha concentración da poboación nas cidades e estea a desaparecer o agro, o que significa unha importante ameaza para este patrimonio inmaterial".

Da talasonimia ás experiencias co alumnado
O programa da Xornada de Onomástica Galega arrincará ás 10 horas cun primeiro bloque de intervencións sobre catro exemplos de recollida de microtoponimia. Xosé Lois Vilar exporá o seu traballo de recuperación de talasonimia, a toponimia do mar, na costa de Baiona; Anxo Rodríguez achegará o exemplo da colaboración con comunidades de montes; Iván Sestay, o labor desenvolvido na zona urbana de Vigo e María Abelleira profundará no caso do concello de Pontevedra.

Ás 12:30 horas empezará unha segunda parte centrada en experiencias didácticas. Xulia Marqués explicará o proxecto Vedra medr@, unha aposta pola toponimia como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego; Valentina Formoso dará a coñecer o Proxecto Toponimia do IES Félix Muriel de Rianxo e Xoán Carlos García Porral, a recollida selectiva levada a cabo con alumnado de Silleda.

Xa pola tarde, Vicente Feijoo presentará os pormenores da nova aplicación informática creada pola AMTEGA, seguindo as indicacións do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, e que será a infraestrutura que artelle e visibilice toda a participación do voluntariado cultural. Pola súa banda, Gonzalo Navaza e Luz Méndez ofrecerán unha conferencia sobre como detectar a través de Internet os topónimos galegos en fontes documentais; Xermán García Cancela repasará a historia do Nomenclátor de Galicia e do inicio do Proxecto Toponimia Galega e o académico Antón Santamarina analizará o proceso e os criterios da actual revisión do Nomenclátor.

O encontro complétase cunha exposición, organizada por Ana Isabel Boullón, na que se amosarán materiais toponímicos, bibliográficos e audiovisuais. Os asistentes están convidados a achegar tamén os seus.

Pode descargar o programa da Xornada de Onomástica Galega nesta ligazón.







No comments:

Post a Comment